Imagen/Pensamiento/Sociología

Baseado en espectáculos reais

A palabra simulación parece advertirnos dun significado anestésico e de realidade cohibida. É un concepto que, inevitablemente, remite a un corpo teórico ben definido, onde a teoría do simulacro e a súa aplicación na nosa cultura parece ser só comprensible tecendo esa rede hipermoderna que protagonizan as pantallas, o consumo, a publicidade e a abundancia informativa. É neste mundo onde funciona unha nova capa entre a realidade e a ficción, un simulacro que podemos pensar como un cristal reflectante destes extremos sobre o que converxen ambas ideas de forma confusa.

É imposible referirnos a este fenómeno sen a implicación directa que ten na nosa cultura, na súa transmisión e nas novas tendencias. Falar da simulación é falar das pantallas, de como estas modifican a nosa visión a través das mesmas e, por suposto, da realidade televisada. Se ben o gusto das principais producións audiovisuais da nosa época xogan coa representación e a capacidade de reflectirse no outro, esta vese afectada pola súa reiteración conceptual e pola necesidade de novas tramas aceleradas que activen novos estímulos no espectador potenciando a súa atención. Mentres dúas décadas atrás, autores como Arthur Danto estaban a falar da fin da arte debido á crise da representación, parece ser que agora o máis pertinente é falar da crise da representación do espectador no obxecto televisado.

Mais, como a ficción televisiva pode captar a un público anestesiado e absorto? A resposta parece dirixirse cara unha maior exposición da realidade baixo os termos da ficción. É dicir, a apropiación da realidade como un aspecto a tratar baixo a estética do espectáculo. Na actualidade, plataformas streaming como Netflix, permítenos acceder a un catálogo de series documentais onde encontrar a historia de oito episodios do caso da desaparición de Madelaine, o asasinato de Asunta ou a figura de Ted Bundy. Todas elas aparecen recollidas na sección de “Documentales y Reality TV”, mesturadas con “El Imperio Romano” ou a nova temporada de RuPaul, reinas del drag. Son series tratadas baixo os preceptos cinematográficos das series ficcionais de investigación criminal, reducindo a súa realidade a unha característica do produto e atendendo a un propósito máis relacionado co simulacro que coa documentación. Son retrospectivas sobre feitos que impactaron mediaticamente aos seus espectadores coetáneos, mais non esquezamos que un dos elementos máis característicos da nosa época é a instantaneidade e a voracidade dos fluxos informativos. É dicir, o seguimento en directo da traxedia.

Se ben o exemplo paradigmático destas propostas é o tratamento mediático do 11-S ­—­o cal sería formulado polo compositor alemán Karlheinz Stockhausen como “a máis grande obra de arte xamais feita”—, non fai falta retroceder ao 2001 para falar de grandes exemplos da realidade representada ao xeito ficcional. O mes de xaneiro deste ano, a través dos nosos dispositivos móbiles, cada un de nós podía acceder ao seguimento en tempo real do rescate do corpo de Julen Roselló. Os avances na investigación foron detallados de forma explícita e minuciosamente descritiva polos medios de comunicación, nunha linguaxe que parecía remitir a un exemplo máis ficcional do que real, superando certos límites éticos de respecto á intimidade da familia. O pasado 15 de abril, tivemos a oportunidade de presenciar algo similar. O seguimento en directo do incendio do tellado da catedral de Notre-Dame espertou no espectador unha profunda vinculación co mesmo. A impotencia fronte a visión consciente do desastre marca o suceso dentro do seu imaxinario, cun clímax representado pola caída da súa característica agulla. Todo o contrario ao que ocorreu nese mesmo momento en Xerusalén, onde ardía a mesquita de Al-Aqsa sen a impotencia e sen streaming.

Isto faime pensar en como a espectacularidade do suceso tráxico e a política do terror están intimamente unidas en tanto que ambas se activan cando estas teñen lugar no presente dun occidente rico. Un presente que, lonxe de representar a realidade, simúlaa e consúmea.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s