Otros/Redes

Ate onde podes chegar?

Internet, ese marabilloso lugar onde todos podemos ser alguén, facernos un oco, expoñernos, alcanzar algún tipo de recoñecemento ou deixar a nosa pegada efémera no mundo virtual. Unha das últimas modas para conseguir isto vén da man dos chamados Challenges, unha especie de retos que teñen como finalidade gañar likes e seguidores nas redes sociais. Estes desafíos teñen moito éxito sobre todo entre os adolescentes debido a inconsciencia das posibles consecuencias ás que se expoñen e á emoción de facer algo diferente, perigoso e arriscado.

Algúns destes retos son inofensivos, como o Ice Bucket Challenge onde o xogador tírase por riba un cubo cheo de auga e xeo, ou o Bottle flip challenge que consiste en intentar facer que unha botella dé unha volta no aire e caia de pé. Pero, por desgracia, non todos os retos son así de inocentes: algúns destes chegan a cuestionarnos ate onde é capaz de chagar a estupidez humana. Isto ponse en práctica da man dalgúns desafíos que son auténticas ameazas para a integridade física das persoas como o Chocking Game, que consiste en aguantar a respiración ate perder a consciencia, o Cactus Flaming Challenge onde o xogador ten que inxerir un cactus ardendo ou o Condom Challenge, cuxa finalidade é inhalar un preservativo polo nariz e intentar sácalo pola boca. Sobra dicir que todos estes retos a parte de ridículos, teñen un final nefasto.

Pero o maior e máis letal expoñente destas probas vén da man do Reto da Balea Azul. Un xogo que  apareceu por primeira vez en Rusia no 2016 e que rapidamente se propagou por outros países grazas a internet, cobrándose a vida de máis de 150 persoas, xa que o seu fin é o de inducir ao suicidio ao participante. O reto naceu nunha rede social chamada Vkontakte (В Контакте ou VK) moi utilizada en países como Rusia, Ucrania e Bielorrusia. Esta plataforma ten un funcionamento similar ao de Facebook e inicialmente estaba enfocada para un público adolescente. En VK existían grupos privados onde, introducindo o nome do reto, podías solicitar a túa admisión. Chegados a este punto, unha ou varias persoas denominadas “curadores” poñíanse en contacto co interesado a través de mensaxes, dándolles as instrucións que deberían realizar durante o reto, o cal tiña unha duración de 50 días. Durante este período de tempo, o xogador debería realizar diferentes probas que ían desde escoitar determinada música e ver películas de terror de madrugada ate pasear polas vías do tren ou autolesionarse, todo isto enviando probas fotográficas ao seu curador. A súa finalidade era a de illar aos participantes do seu entorno para ter maior control sobre eles e, deste modo, facilitar súa manipulación a través da privación do sono, inflixíndolles medo, ou ameazándoos directamente. Todo isto ate alcanzar a proba final onde deberán poñer fin á súa vida.

O creador deste fenómeno foi un estudante ruso de psicoloxía de 21 anos chamado Philipp Budeikin, que pretendía facer unha limpeza da sociedade de “residuos biodegradables”, dándolles aos xogadores o que en teoría buscaban e necesitaban: formar parte dunha comunidade, comprensión e comunicación. Finalmente, Budeikin puxo fin á súa vida despois de ser condenado a tres anos de prisión, inxerindo unha grande cantidade de ansiolíticos na súa cela, pois non puido soportar a condena.

A verdadeira cuestión de todo isto é, que impulsa aos adolescentes a realizar este tipo de xogos? Un dos principais factores é a curiosidade, empezar por un “a ver que sucede” ate chegar a un punto de non retorno. A isto séguenlle sentimentos como a vulnerabilidade tan propia da adolescencia, enfermidades mentais como a depresión, anorexia ou bulimia, a soidade, a incomprensión ou a experimentación coa identidade e sexualidade que son motivos máis que suficientes para entrar nestas comunidades. Comunidades onde se lles brinda comprensión ou a posibilidade de contar estas experiencias sen medo a ser xulgados a través dunha posta en común de sentimentos globais o que o converte nuns motivos máis que suficientes para iniciarse nunha corrente tan perigosa. Moitísimos adolescentes o único que reciben da sociedade é baleiro ou rexeitamento, polo que poñer isto en común é unha forte argamasa dentro destas comunidades. É unha etapa de auto exploración, de atoparse a un mesmo e de crear vínculos afectivos. Cando non atopamos isto aparecen os problemas, polo que retos como o da Balea Azul, convértense nunha vía de escape idónea para poñer fin a todas estas inseguridades.

En definitiva, este tipo de retos, a nivel popular poden verse desde unha perspectiva nimia e anecdótica de aquilo disfrazado de humor e de participación nun rito viral. Mais, a presenza destes outros tipos de retos que inciden na psicoloxía do participante e o levan aos seus extremos vitais, fainos pensar sobre a capacidade de involucrarnos nun acto destrutivo coa finalidade de sentirnos representados nun colectivo.

Antía Hormigos Vázquez.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s