Otros/Pensamiento/Redes/Sociología

Se algunha vez volvo a ter ollos…

A televisión, amosa o que ocorre?

Nos nosos países, a televisión amosa o que ela quere que ocorra; e nada ocorre se a televisión non o amosa.

A televisión, esa última luz que te salva da soidade e da noite, é a realidade. Porque a vida é un espectáculo: aos que se portan ben, o sistema lles promete un cómodo asento.

Eduardo Galeano, O libro dos abrazos (1989)
Eric Drooker

“Izzy Canto non é o meu verdadeiro nome. Desculpen que me manteña no anonimato, pero a miña liberdade de expresión chega ata onde digan os bancos e teño unha hipoteca”. Baixo este alegato preséntasenos unha xornalista de obrigado incógnito á que El Salto concede a inusual oportunidade de informar. E é que no momento en que falamos da fructuosa industria armamentística, máis aínda, en relación cunha feira anteriormente organizada por unha sociedade opaca cuxa xunta directiva estaba composta por exmilitares, algúns deles vinculados ao 23-F, confluímos maxicamente ante o esvaecemento de calquera interese. Referímonos, por suposto, a un interese á cartiña dos grandes medios e, ad hoc, dos seus propietarios.

Quizais por costume, quizais por desidia, non cesamos no noso empeño por defendernos como membros dun avanzado sistema democrático. “A opción por non querer ver é algo moi enraizado na conciencia humana. É unha das moitas derivacións que o instinto de conservación ten”, dinos Julio Anguita nun dos seus manifestos Contra a cegueira, “O que ve corre o risco de sinalarse entre os demais ou tamén corre o risco de perder a tranquilidade e a doce, aínda que soporífera, modorra”. Vello coñecido é o dobre raseiro da lucidez, á par don e castigo, luz e demo. Esíxesenos respecto e consideración cara unha democracia que, ao desmenuzar o dereito a unha información veraz, reincide perseverantemente na violación dun dos seus piares lexislativos fundamentais. Unha democracia que baila, sen dúbida, ao son de La Polla Records: “¿De que se ha muerto este muerto?/ De los golpes que le dieron/ le dieron cientos de golpes/ y uno de ellos lo mató”.

Non obstante, de que falamos cando falamos de censura? Ten límites a manipulación? O exemplo de Izzy Canto resulta ilustrativo á hora de desmitificar a liberdade de expresión daqueles xornalistas que traballan para os medios do establishment, pero acaso non son a descontextualización, o desvío da atención a asuntos menores, as fake news e incluso a marxinación, outras formas de censura? En que lugar nos deixa que o feito de apuntalar a súa mutabilidade e multiplicidade de formas sexa máis punible que a terxiversación en si mesma? Viremos a ollada cara Os gardiáns da liberdade, obra conxunta de Noam Chomsky e Edward S. Herman que nos ofrece unha resposta da man dos seus filtros, “vericuetos a través dos cales o diñeiro e o poder tamizarán as noticias ata deixalas listas para a súa publicación, marxinarán as discrepancias e permitirán que o goberno e os intereses privados dominantes difundan unha mensaxe adecuada para o público”. Trátase de filtros silenciosos que condicionan dende a marca de leite coa que almorzamosa ata o programa político que nos inducen a estimar como máis próximo á nosa cotianeidade. Nin “nunca tantos foron incomunicados por tan poucos”, como diría Galeano, nin nunca antes foi tan necesario pararse a pensar en quen se senta nos consellos de administración das nosas empresas de comunicación, pois só entón saberemos que negocio se enmascara trala súa “incomunicación incomunicante” e a nosa “des-información”.

Quino

Encontrámonos con elo ante unha cruzada: crémonos portadores da verdade polo mero feito de estar continuamente expostos a unha sobreinformación imposta, vendéronnos que somos cidadáns con opinións formadas a libre albedrío cando realmente pataleamos entre unha “ditadura por elección”. Cántao claro Toni Mejías: “Escolle a túa canle de esquerdas ou dereitas. O teu xornal conservador ou progresista. Detrás de cada elección, sempre están os mesmos. E eles si poden afirmar que non son nin de dereitas nin de esquerdas, porque a súa única ideoloxía é o diñeiro”. Lonxe de prelacións, estimulación. Que é o que aínda nos pode sorprender ou escandalizar? Consumidores de irrealidade e realidade espectacular, diluímonos nun cúmulo de noticias que esquecemos ao cabo dun par de horas. Combatentes electrónicos dos dramas humanos non somos máis ca simples demolicións controladas. Infórmasenos da pobreza silenciando a quen trata de explicar os mecanismos mediante os que se posibilita a súa existencia, marxinando e purgando tal que pharmakos a quen sinala aos seus responsables. “Morreron catro persoas nos disturbios”, desfalecemento colectivo ou asasinato? Lamentémonos durante os segundos que preceden ao seguinte titular: “Rihanna está no número un de Vogue Australia”. Sorte que a plétora propagada polo capitalismo nos fixo indiferentes e frivolamente apáticos.

Pronosticaba Kapuscinski a conversión da información en mercadoría e presentía Ramonet o trunfo do xornalismo de especulación e de espectáculo, fonte indiscutible de poder económico e político. Nada máis preto das bochornosas funcións protagonizadas semana tras semana polos títetes dos grandes medios. Pluralidade e riqueza de opinións ou aclimatación en debates absurdos que se manteñen na apacible liña marcada polos de arriba en estreita colaboración coas lumbreiras das cloacas? “A maior cegueira destes tempos estriba en que ela mesma se plantexa como un modo de vida confortable, seguro, moderno, científico, aséptico, obxectivo e neutral. Os deuses, é dicir, o diñeiro e o poder, cegaron a unha parte moi importante da humanidade. Os designios das divindades vestidos de economía, ciencia, técnica e estadística son como velos que cegan a visión”, prosigue Anguita, “A cegueira de hoxe en día só pode ser atacada na medida en que os tortos ou videntes totais que haxa se unan nun pacto hipocrático e taumatúrxico no que non haxa outras consideracións que a saúde visual do enfermo”. Clamemos, pois, á “unidade combatente” ideada polo cordobés e non nos deixemos enganar pola súa macabra manipulación de palabras e feitos, coas súas quiméricas guerras humanitarias, danos colaterais e cruzadas en favor da democracia. Non cedamos obsecuentemente ante unha lóxica predatoria que non necesitou nunca de pretextos, porque a pasividade ante o zorro que ingresa ao galiñeiro non nos fixo nunca actores neutrais, senón cómplices. Apiadémonos da nosa humanidade, se aínda resiste, e despoxémonos do despotismo hedonizado que nos exhorta á confusión entre muíño e cabaleiro. Apiádemonos, e recemos entón por que non sexa demasiado tarde.

Pascual Serrano sobre a ilusión de democratización da información a través de Internet
Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s