Moda/Sociología

Stop being poor

O concepto de moda asimílase como unha noción máis completa e panorámica do estritamente limitado á industria téxtil. A nivel popular podemos entendela como unha máquina produtora de pequenos desexos en adopción, en busca de fogar. Mais non só se limita a crealos, senón a estipulalos e moldealos como un medio cara a sofisticación: unha peza de alto valor atribúe unha aparencia, un intento de mímese do gusto burgués, núcleo produtivo da industria da moda tal e como a coñecemos. Mais nestes tempos, nos que as grandes firmas se achegan dunha forma case paródica á cultura urbana, esta non deixa de mostrarnos exemplos paradigmáticos de como a tendencia non é, no fondo, moito máis que un mecanismo de poder. Un poder que só cobra sentido cando se expón sobre o outro.

Esta tempada de primavera, Gucci sacou á venta unhas zapatillas clásicas da súa marca cunha pequena modificación: a de estar tinxidas na súa superficie para similar unha capa de sucidade irreversible. A maioría das críticas emitidas dirixíronse ao elevado prezo das mesmas, chegando á cifra de 700 euros nos seus modelos máis económicos, sendo os máis caros aqueles que combinan a mugre sintética cunha amable cadea de ouro. Mais, lonxe do compromiso moral e as críticas de consumo, hai algo que sen dúbida cabe subliñar: a capacidade das grandes firmas de crear novos “pequenos praceres” en forma dunha tendencia que leva o gusto burgués cara o límite.

É certo que este exemplo pode ser considerado de mal gusto, mais toda a campaña refuxiouse nunha especie de licencia en referencia ás zapatillas de baloncesto vintage. Agora ben, que ocorre cando as marcas non se cinguen simplemente a un “extremismo estético” e terminan por exceder certos límites éticos? A liña francesa Vetements marca un fito nesa conexión entre as altas firmas da moda e a cultura urbana. Creada en 2014, xa é considerada unha das marcas que mellor asimilan os gustos da xuventude da nosa época, pois nace vinculada de forma directa ás redes sociais e ás grandes campañas de marketing. A polémica máis popular é a que tivo lugar o pasado outono de 2017, cando decidiron lanzar unha colección de accesorios directamente vinculados ao consumo de drogas. O máis popular destes é un colgante de aceiro inoxidable formado por dúas pezas: un cilindro oco que, ao desenroscarse, descobre unha pequena culler. Sobra dicir que, a finalidade desta peza de xoiería, é a de facilitar a almacenaxe e o consumo de cocaína.

Sen afán de avanzar unha crítica sobre o bo ou o mal gusto deste tipo de propostas, dáme a sensación de que o primeiro que deberíamos analizar é a que público están destinados e cal foi, historicamente, o principal sector social damnificado polo consumo de drogas. Sen lugar a dúbidas, atoparemos a resposta naquel comprendido pola xuventude de clase media-baixa. O gran problema do consumo na industria da moda na actualidade é que as propostas máis arriscadas a nivel ético, seguramente sexan as vinculadas á mocidade. Pero non a calquera mocidade, senón a aquela absorta pola estética e as imaxes consumidas a un ritmo de vertixe, a unha mocidade explícitamente fetichista e romántica sobre o que é a vida urbana e a “vida do outro” e, por suposto, a unha mocidade rica.

Exemplo disto é unha das novas tendencias temáticas no contido de Youtube, un conxunto de vídeos chamados “How much is your outfit?” nos que un grupo de xente nova reúnese para exhibir o diñeiro que custaron as súas prendas. Prendas que remiten ao urbano como fetiche estético e á marca como selo de garantía de riqueza. É a adopción das tendencias do mercado como catalizador de novas dinámicas de poder. E todo isto, nun formato que activa o escrutinio e a valoración.  

Dalgunha forma, escribindo este texto, é imposible que non me veña unha imaxe á cabeza. Unha imaxe clara e concisa que, lonxe de ter nacido e terse desenvolto na inventiva das redes, parece case feita para esta conclusión. Esta imaxe protagonízaa unha Paris Hilton distendida e alegre, cuxos brazos en alto deixan ver un lema inscrito na súa camiseta: Stop Being Poor. Agora, máis ben, parece que exhibir certos aspectos popularmente atribuídos á pobreza, ás adiccións e á xente sen recursos, é cousa de ricos.

3 pensamientos en “Stop being poor

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s