Música/Otros

I’m real when I shop my face

SOPHIE é unha cantante, productora, compositora e DJ escocesa que saiu a luz fai relativamente pouco. Comezou a súa carreira profesional máis ou menos no 2012, desde ese ano ata a actualidade produciu e realizou varias colaboracións con diversas artistas do mundo mainstream como poden ser Madonna, MØ, Charlie XCX e a discográfica PC music, onde explora os sons máis artificiais e estereotipados da música pop ata mesturalos coa escena experimental. Se SOPHIE se mantivo na sombra de grandes artistas e productoras, en gran parte foi debido a súa condición de muller transexual onde vía unha posible limitación á hora de realizar producións propias, polo que comezou a crear os seus primeiros traballos sen mostrar a súa verdadeira identidade. Isto rematou o 15 de xuño de 2018 coa publicación do seu primeiro álbum de estudo, titulado Oil of Every Pearl’s Un-Insides, onde a artista se mostra en todos os aspectos. É neste punto cando chegamos ao centro da cuestión; o catro de abril de 2018 publica o single e videoclip Faceshopping sobre o que trata este texto.

Podemos resumir o contido e a montaxe do video nun bombardeo de imaxes parpadeantes que nos lembran as técnicas das mensaxes subliminais e que podemos dividir en dous tipos: por un lado, a cara da propia artista que se infla, se retorce, se derrite e se desfai e, por outro lado, a aparición de imaxes de diferentes productos de beleza, carne, pel, logos de redes sociais e un gran número de palabras. A canción resúmese na repetición de catro versos moi sinxelos e directos que fan referencia á nosa imaxe, á súa autenticidade e aos distintos métodos de modificación corporal.

Faceshopping convértese nunha exploración crítica ao bombardeo constante que sufrimos as persoas en relación co noso aspecto. É unha representación do consumo masivo, a condea á marca persoal, ás cuentións de identidade, ao que somos e ao como queremos chegar a ser. Fala, polo tanto, de alcanzar a perfección estética, das manipulacións físicas e emocionais cuxa finalidade é a de permanecer nos ollos do público, a transformación do individuo nun produto de consumo. É inevitable pensar que o que está a subliñar é a condición das mulleres, as cales, vémonos acosadas pola industria da moda, da cosmética e da publicidade. A preocupación pola beleza maniféstase de forma exponencial ao longo das nosas vidas.

A obsesión moderna pola perfección do corpo humano estase a convertir nunha epidemia. Isto ocorre porque, nas últimas décadas, ser físicamente perfecta convértese nun dos obxetivos principais das sociedades desenvolvidas. Unha meta imposta polos novos modelos de vida no que o aspecto e a perfección son sinónimo de éxito e de felicidade.

Se algo é certo é que vivimos nunha sociedade cada vez máis superficial fomentada por un potente mercado como son a industria da moda, da publicidade, da alimentación ou da cosmética, e que nos mostran como deberíamos ser. Constantemente saen novos productos para que nos vexamos máis novas, delgadas, guapas e perfectas. Unha busca constante de adaptación a unhas ideas e a uns cánones impostos por unha sociedade e unha industria gobernada, na súa gran maioria, por homes. Homes que fomentan a idea ambigua de beleza que lles interesa, pero que o único que logran é manternos sumisas e inseguras, potenciando o noso papel de consumidoras deses productos.

Son empresas que facturan millóns de euros aproveitándose dos nosos complexos, inculcándonos a idea de que nos están a axudar a alcanzar un obxectivo de beleza imposta. Neste punto, a beleza pasa a ser un negocio, un sinónimo de estatus e, polo tanto, de poder económico. Canto máis diñeiro teñas, máis poderás invertir neste conxunto de rituais estéticos ate conseguir crear esa imaxe predeseñada e perfecta de nós mesmas. É isto ao que se refire SOPHIE ao mostrarnos representacións da súa estrutura facial distorsionada e ao conxugalas con imaxes estroboscópicas que aluden a grandes marcas e produtos de coidado persoal. É nesa voráxine de ideas e símbolos que atopamos unha metáfora visual sobre a modificación e os seus preceptores e defensores.

Como xa dixen antes, hai moitos intereses económicos detrás disto. Non interesa que se cambie o cánon a nivel global, debido a que os intereses das empresas son máis que suficiente para seguir mantendo o establecido. En lugar de cambiar estas normas, dedicámonos a cambiar nós e a adaptarnos o máximo posible a elas. É complicado eliminar o imposto e lidiar cunha estética ou beleza que non se asemelle ao establecido limitando, desta maneira, a liberación dos corpos e da súa diversidade.

Antía Hormigos Vázquez.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s