Otros

Acérrimos paladíns do biligüismo?

Imagen relacionada

Artigo 3 da Constitución española: “O castelán é a lingua…” Uy, ¡Perdón por mi descaro! Me salió la vena gallega como si de una marioneta me tratara… ¡Que daño hacen los medios de comunicación! Soy natural de Galicia, pero también realista. Soy plenamente consciente de la penuria lingüística que atraviesa en estos momentos el castellano. Cada vez son más las generaciones que lo ven como un estigma social. De seguir con esta marginación, me da pavor solo de pensar de aquí a 50-100 años… con su más que posible olvido y uniéndose al carro de mártires del astur-leonés y aragonés. Por ello, para intentar darle voz y cabida en esta sociedad abusiva y que prima a las lenguas favoritas (gallego, euskera, catalán, valenciano, balear, aranés…), y pese a su arduo trabajo, me forzaré a desvincularme de mi bagaje gallego-hablante y privarme de sus múltiples galleguismos. Muy bien, aclarado esto empecemos de nuevo.

Artículo 3 de la Constitución española: “El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho a usarla (…)” Aish… Non podo! Dáme mágoa e vergoña admitilo, pero por incapacidade persoal, e sabendo da miña nefasta formación educativa no idioma oficial, tentarei, pese ás súas consecuencias, de honrarvos cunha maior soltura escrita expresándome na “enxebre lingua de labregos”, é dicir, o galego. Sei que sacrifico a defensa e o status dun maltratado castelán, aparte de que teño conciencia das limitacións lingüísticas, e á súa vez, ilóxico predominio da miña verba natal. Porén, véxoo unha forza maior, mesmo case unha obriga nos tempos que corren, para procurar que a crítica chegue ós maiores ollos posibles…

E ata eiquí a retranca. Creo que deixei entrever sen lugar a dúbida o meu ton satírico. Lamentablemente, para os desexosos desta corrente, debo comunicarlles que non seguirá tomando as rendas desta crítica, para ilo xa temos ó grupo musical SonDaRúa e a súa oda a Gloria Lago, “patriota galega”. (En galego NON mola).

Moi ben, regresemos ó principio. “Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito a usala”, ou debería dicirse máis ben, a obrigación de usala? Nas últimas reaccións lingüísticas que veñen envolvendo ó panorama móstrase máis esta cara da moeda.

O galego, lingua/dialecto “obsoletoe “de paletos” para algúns, é un idioma con moitos anos de existencia, máis ou igual que o castelán, e que xira entorno a unha sociedade cunha cultura identificadora. Estas propias e heteroxéneas vivencias foron as causantes da súa evolución/conformación a través da liña temporal, de igual maneira que ocorreu co catalán, o euskera ou o castelán. Polo tanto, negándoa, unicamente lle damos un teito e un alimento ó noso propio verdugo. E non só falo en nome da miña fala, non me tachedes dun Vicente Risco e a súa “Galiza feixista”, senón por todos os estendidos na face da terra, entre eles o castelán.

Como dixo Castelao:

Ningún idioma alleo, por ilustre que sexa, poderá expresar en nome do noso os íntimos sentimentos, as fondas dores e as perdurables esperanzas do pobo galego; se aínda somos diferentes e capaces de existir, non é mais que por obra e gracia do idioma”.

Pese a todo, o galeguismo non é algo innato de Rosalía, Pondal, Blanco Amor, Castelao, etc, senón dun continuo devir de protectores e amantes desta. O tempo deles xa pasou, e os protagonistas debemos de ser nós, como pobo. Porén, non podemos esquecer o heroico esforzo e labor dos nosos antepasados, quen deron todo pola cultura galega, incluída a vida. Por ende, vexo necesaria unha reflexión, unha responsabilidade a ter coa nosa fala.

Predicar que o marxinado ven a ser o castelá é de ter mal corazón. Malia todo, a idea comezou a afinarse desde o Rexurdimento Galego do XIX. Vindo dos denominados séculos escuros, e acostumados ó sometemento lingüístico permitido, ten a súa lóxica que a poboación castelá-falante expresase un repentino rechazo fronte a esas novas demandas. Afortunadamente, o fluxo do galego non freou e seguiu en aumento, topando a súa etapa de ouro no período que circunvala á II República Española (Revista Nós, Irmandades da Fala, Partido Galeguista…). Non entanto, pese ós esforzos, o gran golpe ó que se enfrontaron as linguas cooficiais foi o Franquismo, onde se chegou a afirmar rotundamente a súa prohibición na busca dunha unidade nacional.

Viaxando nos acontecementos mudamos á actualidade, pero non por ilo á aceptación. Poderíamos dicir que o goberno “lavou a cara”, e con ilo os seus procedementos. Preséntase como o “paladín das liberdades e do bilingüismo”, alcumando de “radicais” e/ou “acólitos dos radicais” a todos os que discrepen do seu proceder… No fondo aínda se guían polo rancor da derrota lingüística… desesperados por dar caza ó airoso “Castelao atemporal” que naceu aquel día de Xulio de 1936 en Madrid. Na busca desa unidade nacional limítanse a unha loita por desgaste, afirmando sen andrómenas, como o Concello Escolar do Estado, que o castelán “no parece la lengua oficial del estado”. Non saben que ó renegar do bilingüismo, en realidade están a mutilar unha parte deles, xa que España, fora das candentes discusións políticas, é un país nutrido -tanto para ben como para mal- na súa tremenda e variada riqueza cultural.

Desde os últimos meses, exactamente desde a proposta educativa de Isabel Celaá, que busca abolir a Lei Wert, aprobada en 2013 polo PP sen un consenso político e social claro, púxose fervorosamente de manifesto a idea dunha cruzada contra o castelán. Sen entrar en detalles, as propostas desta iniciativa referentes ás autonomías recaen nunha maior liberdade tanto na impartición dos contidos básicos deseñados polo Goberno como no emprego da súa lingua cooficial (a pesar de todo o uso do castelán segue ocupando un 55%). A principal defensa do castelán fronte a Celaá é a súa suposta relegación a favor das falas secundarias, o que pode causar un analfabetismo da lingua oficial ou incluso unha mestura entre ambas. Porén, non vexo a ninguén escandalizarse pola presenza do inglés ou o francés na educación, é máis prímase como un estímulo a favor do intelecto e da formación do alumno. Entón, por que as linguas foráneas si e o galego non? Que diferenza existe máis alá que a “identidade de nación” que corre tras a nosa lingua? Ninguén no seu san xuízo teme por unha diglosia anglosaxoa, ou pola contra, a escoitar barbaridades como “Hola, nice to conocerte”… Quizais sexa que o galego aparva.

Todos sabemos que a educación é un dos mellores apoios para impoñer, defender ou desprestixiar unha lingua, e no sentido do galego non estamos para tirar foguetes. Pese á súa ruptura como estigma social, aínda que seguen existindo certas discrepancias1, as últimas xeracións como a millenial ou a Z non paran de minguar o seu uso, incluso no ámbito popular (a última barreira da lingua), reducíndose a un 33’6% segundo un estudo da RAG no 2018. En canto ó ámbito familiar, o outro soporte que aleita ó salvoconduto da lingua, non ten nada de frutífero. Baseándonos nas palabras de Xaquín Laredo, membro do Seminario de Sociolingüística da RAG, preto dun 35% dos xoves xa non teñen ningún tipo de referentes familiares que lle poidan transmitir non só os valores do galego, senón tamén a importancia do seu uso.

A dor do galego non é unha superstición, non é un invento do galeguismo “radical”, non é unha reivindicación nacionalista, nin unha rabecha de Beiras no congreso, é a realidade, a cal tentan paliar baballoando falacias como a “marxinación” do castelán. Non ven sendo hora dun novo Rexurdimento?

1Por exemplo, a chamada que recibiu en 2012 o programa “Pensando en Ti” da Radio Galega por parte dunha cidadá de Ferrol, na cal, para resumir, queixábase e expresaba que lle parecía unha falta de respecto que o locutor falase galego. https://www.youtube.com/watch?v=dDWf7BXcHl8 (enlace do vídeo).

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s