Pensamiento

REVOLTA LÓXICA

“Dan díxome unha vez unha cousa que non conseguín esquecer. Dixo: é moi fácil saber contra que estás, pero non é tan fácil saber a favor de que estás. Penso que xa o sei e iso é o que me dá forzas.”

The Wind that Shakes the Barley, Ken Loach

Alá polo 2013, estando lonxe do país, as experiencias vividas noutra terra mesturáronse coa brillante reflexión que Vítor Vaqueiro lanzaba a través dun artigo. Non era unha interpelación persoal como a do protagonista do filme mais estas verbas non che deixan indiferente, algo sementan, impúlsante a tomar partido respecto a moitas cousas:

“O que máis teme o poder, quer fóra, quer no interior do Parlamento, é o non acatamento dunha norma teledirixida, inxusta, antidemocrática, ignominiosa e denigrante. Desexaría concretar este ponto de vista: só na desobediencia, na insubmisión, na resistencia, no desafío á norma, na súa reiterada transgresión reside a posibilidade de democratización, de avanzo real da xustiza e do coñecemento. (…) así os innumerábeis procesos emancipadores de liberación nacional que atravesaron a Historia. Todos eles, cómpre salientalo, levaron a cabo fondas transformacións sociais non polo feito de triparen sede parlamentar ningunha, senón coa mobilización e a axitación de conciencias, petando, como dixo o noso clásico, na alma do pobo. Nós somos o que somos, desfrutamos do que desfrutamos porque mulleres e homes, valentes, decididas, optaron por non obedecer a norma.”

Anos despois non podo deixar de relacionar aquel artigo con moitos sucesos que teñen lugar no Estado español en relación a xustiza e a liberdade. Segundo moitos medios de (in)comunicación o desafío máis grave para o Estado é o proceso de autodeterminación que está levando adiante o pobo catalán. É curioso, que o maior quebracabezas para o goberno central sexa dinamitar a vontade popular e non rematar coa emerxencia social que vive a cidadanía ao non poder facer fronte aos dereitos básicos de vivenda, alimento e sanidade.

De onde vén ese comportamento antidemocrático do estado español? Ben, só hai que  botar a vista atrás e repasar un pouco de historia para ver como España se configurou a base de comportamentos golpistas sen importarlle as decisións cidadás, e o estado actual, herdeiro desas prácticas, nace da ditadura franquista. Cando houbo que facer ruptura co réxime fíxose reforma negociando cos militares en despachos, sen proceso constituínte e da noite para a mañá. Por iso os franquistas, que se quixeron disfrazar de demócratas, seguen na impunidade e pasan as cousas que pasan, impropias do que gostan chamar democracia.

No 2011, sen consultar á cidadanía, realizábase a reforma constitucional a través do artigo 135 polo cal toda a cidadanía debía facer fronte ao pagamento da gran débeda. Unha constitución que queda en papel mollado cos artigos máis elementais referidos ás condicións dignas de vivenda ou traballo, “intocábel” para referendos, refórmase sen consultas populares para responsabilizar e endebedar coa estafa bancaria a toda a poboación. Daquela, con estes antecedentes, non deixa de ser sorprendente que na Europa do século XXI se lle poñan todas as trabas xudiciais, penais e mediáticas a un pobo que quere votar simplemente sobre o seu futuro.

IMG-20160109-WA0005

Con todo, preséntasenos un mundo onde parece que non hai motivos para querer ou esperar outro mellor, onde non hai espazo para a revolta. Todo cuestionamento ou proxecto alternativo cóbrese co velo do medo ou a incomprensión, porque o terror é unha arma política usada de  xeito corrente por todos os países liberais que senten bater as súas fortalezas.  Nestes anos onde puidemos comprobar que o capitalismo non é de ningún xeito o ben da humanidade senón un maquinaria aniquiladora e mortal, quizais é hora de realizar unha lectura sintomal de todo o que nos rodea.  É dicir, pensar o non dito, procurar teórica e politicamente aquilo que se silencia, rachar coa imposición de evidencias e procurar o coñecemento con conciencia crítica. Decatarnos de que toda a grella informativa son cuestións reguladas previamente, polo que non só habería que buscar o engano nas respostas senón tamén nas propias preguntas.

Por que tanto rexeitamento e carraxe co independentismo, a autodeterminación ou a soberanía popular? Se cadra é cómodo deixar facer e logo bramar. Acostumadas a ter como única práctica política os cinco minutos que esixe meter cada catro anos unha papeleta nunha urna, é normal que se vexa estraño que gran parte do poboación catalá teña a vontade e poder de rachar co Estado, firmes e comprometidos cunha idea. Desbórdanos porque non é o común, o normal. Porque como toda novidade, revolución ou revolta, interrompe incondicionalmente o relato lineal, neste caso, ese mito desa España grande e “libre”. É unha transformación que se desenvolve fiel á aposta que emprende, buscando novas ferramentas para que todas as regras se poidan someter a debate para construír ese proxecto político. A ruptura implica un punto de non retorno e todo espazo novo xera incertidume e desconfianza por ese brinco do incalculábel. Mais as opcións que existen agora (desigualdades, precariedade, privatizacións, recorte de liberdades) non nos garanten que sexan mellores do que poida vir. Ás veces necesítase rachar con todo, para poder cambialo todo. Quizais o dereito á autodeterminación, demandar a soberanía popular, sexa ese primeiro motor de transformación para cambiar moitas cousas ben sexa dentro ou fóra do Estado. Porque fóra de siglas políticas calquera proceso emancipador debe respectarse ao presentarse como un proxecto non excluínte, senón universal.

Barthes explicaba que o mito distorsiona a realidade para conseguir un efecto ideolóxico, interrompendo así a necesidade dun cuestionamento das representacións da cultura. Daquela, en lugar de desafío catalanista quizais se trate máis dun relato que España e os medios nos contan sobre Cataluña, unha cinta que esperemos teña final ou polo menos que haxa xente con vontade de darlle ao stop. Se cadra recibir ás veces un 0 en conduta non estea tan mal e sexa o primeiro paso para ser un pouco máis libres, como ben nos ensinaba Jean Vigo en toda a súa filmografía.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s