Pensamiento

UNKNOWN / UNTITLED

la liberté raisonnée 2009.JPG

No famoso cadro de Delacroix unha figura feminina como alegoría da liberdade abandeira a Revolución Liberal de 1830. Unha revolta que, do mesmo xeito que a de 1789, excluíu por completo ás mulleres. Daquela, que pasaría se lle deramos “play” á pintura? No traballo de Cristina Lucas La liberté Raisonnée (2009) veriamos unha representación moito máis realista xa que como ben se ve no vídeo, unha muller encabezando a revolución cos peitos descubertos sería inadmisíbel para época e castigada coa máis extrema violencia. Porén, a realidade sempre supera á ficción, tempo despois de que a Asemblea Nacional aprobara a  Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, Olympe de Gouges escribiu a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá en 1791. Cun epílogo potente e revelador dirixíase a todas aquelas excluídas e manifestaba: “Mulleres, espertade. Recoñecede os vosos dereitos. Cando deixaredes de estar cegas? Que vantaxes conseguíchedes da Revolución?” Os 17 puntos demandaban a igualdade e a liberdade que lle foron roubadas após o levantamento, pero a pesares de loitar pola universalidade e emancipación que debeu recoller desde un comezo a Revolución, esta pioneira polos dereitos das mulleres foi detida, xulgada e guillotinada.

O dominio sobre a vida das mulleres comezou dun xeito organizado na Idade Media. A súa exclusión do espazo público comeza a tecerse entre os séculos XVI – XVII cando os oficios tradicionais aos que se dedicaban comezan a ter restricións e gaña terreo a idea de que as mulleres non debían traballar fóra do fogar para axudar aos seus maridos. Un aspecto fundamental da investigación realizada por Silvia Federici no seu libro Caliban e a bruxa: mulleres, corpo e acumulación orixinaria, mostra como no caso das mulleres europeas a caza de bruxas foi a ferramenta fundamental na construción da súa nova función social e na degradación da súa identidade social. Esa persecución aniquilou todo un mundo de prácticas femininas, relacións co­lectivas e sistemas de coñecemento que foran os alicerces do poder das mulleres para plantarlle cara á Europa precapitalista e ao sistema feudal. A partir desta derrota xurdiu un novo modelo de feminidade: a muller como esposa ideal, sendo pasiva, ocupada sempre coas tarefas do fogar e sobre todo obediente. A feminidade volveuse exclusivamente doméstica e a institución familiar, moi ligada á igrexa, xogou un papel fundamental na consolidación da figura da nai. Ao mesmo tempo, as nocións burguesas do artista cambiaron, asociando a creación con todo o alleo ao doméstico e co ideal romántico dos espazos exteriores en alianza coa natureza sublime. A feminidade burguesa debía vivirse no marco rixidamente imposto do rol de nai e esposa, no privado, establecendo unha profunda diferenza entre as identidades ideolóxicas do artista, no espazo público, e da muller.

Toda esa privación e diferenciación de espazos tivo a súa influencia no campo artístico.  Tras consolidar o espazo doméstico e ás tarefas reprodutivas como algo propio, unha obriga das mulleres, o sistema patriarcal negoulles durante séculos a capacidade de crear convertendo en natural unha división do traballo que as afastaba de calquera posibilidade de ser consideradas como artistas, reservándolles só o papel de musa e modelo. A creatividade asociouse axiña como un compoñente da masculinidade, mentres que feminidade se construíu como o oposto ao home e, polo tanto do artista.

6103965258_ea56180716_b.jpg

A separación de campos ou xéneros propios de homes e mulleres, servía como estratexia para diferenciar as esferas de actividades con máis e menos valor, garantindo un punto de vista ou unha visión do mundo ao seu favor, contar con máis ou menos medios e sobre todo coa aceptación social. A representación que recolle o cadro Johann Zoffany Os académicos da Real Academia é un bo reflexo da ideoloxía da época. Sendo Angelica Kauffmann e Mary Mosers académicas, o lugar que lles confire o pintor é como meros obxectos, dous retratos pendurados na parede a diferenza dos seus compañeiros. En pleno 1771 emprégase unha estratexia de cosificación moi próxima ás campañas publicitarias do s.XXI.

Resulta pouco efectivo combater este gran relato coa estratexia da simple adición, sumando nomes de mulleres á historia, o traballo está en dinamitar esa Historia da Arte oficial, androcéntrica e manipuladora que se presenta como universal e intocábel. Un erro dos estudos feministas foi centrar gran parte do traballo na recuperación das obras de artistas esquecidas como un inventario, sen preguntarse polas condicións sociais na que desenvolvían as súas prácticas artísticas. A clave deste reto expúñao dun xeito brillante Griselda Pollock “non pensemos máis nunha historia feminista da arte senón nunha intervención feminista nas historias da arte”. Se construímos unha categoría separada, diferente, illámonos do verdadeiro campo de acción e obviamos os diferentes modos de opresión, represión e resistencia que viviron as mulleres en distintas épocas. Non poderemos realizar unha verdadeira análise subversiva se borramos as conexións entre a arte e as condicións da época, se colocamos a multiplicidade de causas e situacións nunha burbulla homoxénea.

Se as artistas de clase alta tiñan que facer fronte a tantos obstáculos, sortealos ás veces arriscando con pseudónimos ou co anonimato… Que acontecia con aquelas de clase traballadora, moitas veces analfabetas, con interese na creación artística pero que tiñan interminábeis xornadas laborais nas casas burguesas ou no campo?  O caso de Séraphine Louis tal vez ilustre esta realidade, xa que despois de traballar como empregada doméstica pintaba no seu cuarto a luz dun candil. Se cadra este non é o cuarto de seu ao que se refería Virginia Woolf.

É por iso que nesta análise histórica tampouco se debería esquecer a interdependencia entre clase, xénero e raza nas prácticas artísticas. A raza xunto coa clase social deben ser dous compoñentes fundamentais da nosa crítica xa que alén de ser sexista, a historia e as sociedades son clasistas, imperialistas e colonizadoras. Incluso dentro dos propios movementos revolucionarios como  o feminista é perigoso caer nas prácticas excluíntes mantendo un relato hexemónico que impide novos camiños. É hora de facer autocrítica do noso feminismo branco e occidental que tende a esquecer a realidade doutros continentes, doutras culturas, clases e relixións. Xa en 1848 a Convención Seneca Falls non só prescindiu das reivindicacións das obreiras brancas, que como proletarias experimentaban e afrontábanse á dominación masculina dun xeito específico, senón que o colectivo de mulleres negras foi totalmente ignorado. Século e medio despois, artistas hispanas, asiáticas, indíxenas e negras denuncian non só o racismo imperante nos circuítos artísticos e no propio movemento feminista, tamén o heterosexismo e outros “ismos” que manteñen o status quo demostrando así que a interseccionalidade é ferramenta máis valiosa para facer unha crítica política e estética rigorosa.

Do mesmo xeito que denunciamos as estratexias discriminatorias das que se serviu o sistema patriarcal ao longo dos séculos, o feminismo non pode converter os intereses dalgunhas no foco principal do movemento. Somos brancas, graduadas e materialmente privilexiadas polo que deberiamos falar con máis sinceridade á hora de referirnos ás opresións, xa que como dicía bell hoocks “os sexismo como sistema de dominación está institucionalizado, pero nunca determinou de forma absoluta o destino de todas as mulleres desta sociedade. Estar oprimida quere dicir ausencia de eleccións. Moitas mulleres desta sociedade teñen a posibilidade de escoller”. É por iso que a análise feminista debe ir máis alá do xénero, fuxir desta categoría como único determinante para o destino das mulleres e fixar a atención nas relacións de subordinación que sofren as mulleres en todo o mundo respondendo as interrelacións de xénero, de clase, do racismo…entre outras moitas, para construír unha teoría plural e artellar unha estratexia sólida de cara ao patriarcado, o capitalismo e o clasismo.

 

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s