Imagen/Pensamiento

O falso é necesario, a verdade esíxeo

Aprópiome da famosa frase de Lautréamont e fágoa miña dun xeito perverso, como tamén o é o propio mundo da arte, reclamando a necesidade de cuestionarnos moitos conceptos que emanan desde os museos até universidades e que se sitúan dentro do réxime poder – verdade.

Non deixa de ser significativo que nun período de tempo moi curto, aínda que situadas a extremos da Península, se celebraran dúas exposicións que abordaban dun xeito crítico categorías que até hai pouco parecían intocábeis: orixinalidade, estatuto de verdade, autor ou institución museo. Tanto Fake. No es verdad. No es mentira (IVAM) como [Ex]Posicións Críticas. Discursos Críticos na Arte Española 1975 – 1995 (CGAC) non só sitúan aos museos no centro da diana senón que reclaman o papel activo do público, que este tome partido. Porén, para as persoas que acudimos expectantes a este xiro importante dentro das institucións presenciamos de novo a creación de mitos, as propias contradicións dos museos así como o inmobilismo de moitos artistas, directores e curadores que se laian perante a nefasta situación.

Quizais hoxe máis que nunca sexa imprescindíbel a proposta de Barthes de darlle ao espectador a responsabilidade de recoller as múltiples interpretacións e pegadas que a obra de arte leva consigo. Con este exercicio ponse fincapé no destino, na recepción, pero demandando unha conciencia crítica que perciba que esa obra é debedora dos seus tempos. Deste xeito o público tamén sería consciente do interese que moitos museos e artistas teñen na figura do autor, como creación moderna, para enaltecer o prestixio do individuo. Xa abonda, desenganémonos, a apoloxía do autor non só beneficia o mercado da arte máis especulativo senón a todo estamento institucional e cultural que vive e se mantén en pé grazas á autor-idade incuestionábel que eles constrúen.

En torno ao 1936 Walter Benjamin apelaba en La obra de arte en la época de su reproductibilidad técnica ao instante crucial no que se atopaba a arte ao sufrir unha metamorfose que supuña o  paso dunha arte aurática, na que predominaba un valor para o culto, a unha arte profana onde primaba o valor para a experiencia e a exhibición. Porén, lonxe estamos hoxe de consolidar esa transformación porque a decadencia do aura estaba relacionada cunha sociedade emancipada e para que iso pase teñen que converxer e ao mesmo tempo mudar moitos factores, desde unha conciencia crítica por parte do público até unha vontade dos axentes culturais de facer as cousas doutro xeito.

Por que a relevancia do espectador e non do autor? Porque como ben ilustra a imaxe de Penélope Umbrico, Suns from Sunsets from Flickr, todo é repetición e recorrencia. O concepto de orixinalidade derrúbase e é moi significativo que moitos artistas contemporáneos empreguen a práctica apropiacionista como estratexia crítica, radicalizando sobre todo os usos da cita. Manifesta unha actitude de revisión e unha toma de conciencia para revelar os condicionantes que determinan o noso consumo de imaxes. Vai alén da crítica á orixanalidade das obras xa que ataca o seu carácter institucional, é dicir, ás formas tradicionais de recepción e interpretación das obras. Vemos así como museos e historiadores uniron os seus esforzos para atopar unha marca de garantía a través da certificación do orixinal, presentándoa sempre desde a autoridade e sen rebatela nunca, garantindo así unha certa distancia xerárquica e esquivando posíbeis fendas no relato. Tampouco interesa chegar ás persoas, o importante destas obras auráticas está no feito de que sexan contempladas e entendidas pola elite. Manter e desfrutar esa exclusividade esixe que a obra quede no oculto, no descoñecido.

Perante esta situación, os traballos que xiran entorno ao apropiacionismo son un punto de inflexión, unha aposta e unha oportunidade para comezar a ver e facer as cousas doutro xeito. O público tense que ver obrigado a cuestionarse non só o que ten diante dos seus ollos senón todo o sistema que lle rodea. Os proxectos de Joan Fontcuberta son unha boa mostra desta deriva porque nos interpelan, sementan un proceso interior que nos leva cara diante, e que nos fan dubidar non só do que temos perante os nosos ollos, do  sistema de representación baseado no réxime de poder – verdade, senón de nós mesmos.

Hoxe a orixinalidade non se pode asumir como un elemento renovador, único e novo, que racha con toda a tradición do pasado nacendo desde un punto 0. Case obrigados pola superabundancia de imaxes que sufrimos cada día, é preciso valorar unha singularidade reactualizábel e unha repetición inventiva que supoñan para o público un novo modo de participación na experiencia estética a través da descontextualización e a creación doutros significados.

Precísase dunha crítica e duns proxectos desmitificadores para que a arte poida seguir avanzando polo menos se non é  cara adiante, por camiños que se afasten de prácticas viciadas e endogámicas encantadas do seu pasado e afastadas do que verdadeiramente acontece. É urxente unha análise política de toda representación, das institucións e axentes que funcionan como instrumentos de poder. En resumo, activar un pensamento crítico que desautorice ás múltiples autoridades.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s