Redes

Zona Temporalmente Controlada

1984

George Orwell (1903-1950) visualizou na súa obra fundamental 1984 (1949) un mundo “perfecto”, onde as cousas funcionaban. Para este correcto funcionamento soamente era necesario un pequeno incentivo: un sistema represivo e totalizador. Usualmente este tipo de visións adóitanse relacionar con Estados e organizacións ditatoriais, onde destaca un líder, como a Alemaña nazi ou a Unión Soviética, da que Orwell era opositor e a cerca da cal hai varias referencias na obra. Actualmente existe unha boa cantidade de documentación acerca destas e a súa maldade é denunciada polos gardiáns e responsables das nosas sociedades, que resaltan continuamente as supostas virtudes dos sistemas que defenden, converténdose deste xeito en verdades. Como verdades que se dan por sabidas corren o risco de se esquecer, se é que realmente se actuou segundo elas.

A preocupación por esta situación é a que levou aos membros do grupo ergosfera a reflexionar sobre unha desas verdades, a seguridade, que nos defende doutras verdades, mediante unha instalación na Zona “C” en Santiago de Compostela, chamada ZTC (Zona Temporalmente Controlada). Esta consistiu na colocación de dúas cámaras de videovixianlancia no interior da sala retransmitindo as vinte e catro horas durante catro meses. Reproducíase deste xeito a situación que se xera na vida cotiá urbana na que as persoas son captadas de forma continua. Pero existía unha diferenza esencial, as zonas afectadas estaban visiblemente delimitadas para que a gravación fose voluntaria, podendo elixir negarse. Deste xeito chamábase a atención sobre un fenómeno que cada vez se estende máis, incentivado polas políticas do medo levadas a cabo dende despois do 11S e posibilitado polo abaratamento dos equipos electrónicos. Uns dispositivos que cada vez teñen capacidades máis precisas, como o recoñecemento facial ou de matrículas. Concretamente pretendíase contextualizar o asunto na cidade de Santiago, que non escapa a esta dinámica. Nunha cartografía realizada sobre o centro histórico e redores contabilizábanse ata trinta e nove cámaras, pertencentes tanto a entidades públicas como privadas, por diante das cales os viandantes pasan de cotío. E si pode semellar que o seu número non é moi elevado, ou que realmente son inofensivas xa que non fan dano físico, hai que destacar o caso da cidade de Middlesbrough, que se recolle nun dos textos incluídos nun folleto que se entregaba aos visitantes (e que se pode ler na páxina web dedicada á instalación). Nesta cidade íase máis ala da mera observación (que hai que recordar que leva á actuación), xa que se lle instalara ás cámaras altofalantes para poder sinalar no momento que era o que se estaba facendo mal. Son moitos os que ven nas actuais sociedades, non soamente por isto, exemplos de sociedades orwellianas. O certo é que isto ben podería selo. Orwell ideou a figura do “Gran Irmán”, líder absoluto e omnipresente. Pois en cada rúa, en cada establecemento de calquera tipo, en cada casa… existía un dispositivo de vixilancia que axudaba a ter controlados e facer o ben a absolutamente todas as persoas (realmente os protagonistas, Winston e Julia teñen que facer peripecias para atopar sitios onde poder falar sen ser escoitados).

Pero seguramente o caso máis destacado destas medidas de vixilancia e control sexa o dos drons. En canto ao seu uso o protagonista son os Estados Unidos. Nos últimos anos o seu número aumentou dunha forma xigantesca, sendo empregados nas “guerras de liberación” celebradas en Oriente Medio. Son numerosas as organizacións en favor dos dereitos humanos, como Amnistía Internacional ou Human Right Watch, que veñen denunciando as numerosas mortes de civís que o seu uso está causando. A escusa empregada para tales crimes é a existencia de criminais, que se pretende vixiar e ter controlados. Incluso se isto se aceptase como válido seguiríase saltando un dos principios básicos que sustentan o Dereito aceptado actualmente nas sociedades occidentais: o hábeas corpus, o dereito a un xuízo xusto en resumidas contas. Os drons converten o asasinato nun videoxogo, pois a vítima, situada a miles de quilómetros, aparece nunha pantalla como unha cousa. Toda empatía queda eliminada. Algunhas publicacións recollen preto de mil mortes civís nos últimos dez anos aproximadamente. Outras elevan o número total a unhas tres mil.

Hai que deixar claro que non se alude aquí a ningún tipo de teoría conspiratoria. Pero esta acabaría por ser fai dous anos algo máis que simple paranoia, cando os esquecidos Edward Snowden e Chelsea Manning revelarían varios documentos clasificados como de alto segredo nos que se recollía abundante información sobre os programas de vixilancia masiva (PRISM e XKeyscore) levados a cabo por unha das moitas axencias de intelixencia estadounidenses, a NSA (Axencia de Seguridade Nacional). Ca colaboración de empresas como Microsoft, Apple, Google ou Facebook recompilábanse datos informáticos a nivel global así como se rexistraban e seguían chamadas telefónicas, entre outros tipos de comunicación empregados polas persoas. Pero serían cinco as nacións implicadas, nunha asociación que se deu en chamar pola prensa a “Alianza dos Cinco Ollos”: EE.UU., Gran Bretaña, Canadá, Australia e Nova Zelandia. Un nome sensacionalista, pero propio dunha novela.

Baixo a luz de todo isto as reflexións que a instalación do grupo ergosfera buscaba suscitar son importantes e urxentes. Non parece haber nada infundado para as súas preocupacións. Confrontar ao suxeito á cámara para así tomar conciencia dunha realidade máis ampla da que un pode considerar cando camiña pola rúa. Orwell non afirma que o Gran Irmán exista realmente. Quizais fose unha desas verdades que permiten funcionar as cousas, como as outras que quedan recollidas no lema do partido: “Guerra es Paz, Libertad es Esclavitud, Ignorancia es Fuerza”.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s