Literatura/Otros

Sós ante o perigo

 

Teatro Principal, La lengua madre, de Juan José Millás. Un home só no palco. Absoluta condensación da enerxía escénica. O Juan Diego de sempre colmando as expectativas de quen sabe do seu calado escénico, desa animalidade actoral que fai que os personaxes que encarna (e aquí o verbo encarnar está plenamente xustificado) atrapen fisicamente o espectador, como se, dependendo da conveniencia da interpretación, ora o mordese, ora o abrazase. Pero tamén estaba o Juan Diego de quen só o recoñece polas súas soberbias intervencións no cine ou, máis aínda, polas recentes aparicións en series televisivas de gran audiencia. Supoño que a este segundo grupo pertencía o espectador ao que, estrañado mais non decepcionado, lle ouvín comentar ao saír, “eu pensei que sería un monólogo”. Estiven a piques de me virar para preguntarlle cántos actores virá el en escena, ou, mellor aínda, cómo denominaría, logo, ese espectáculo ao que viña de asistir e no que, segundo a etimoloxía da palabra “monólogo”, había unha soa persoa falando, un único cómico en escena. É evidente que o que ese espectador quería dicir era que el viñera ao teatro con mentes de asistir á consabida intervención dun “famoso” facendo “stand up comedy”, esa fórmula escénica que en España (non así nos demais países de fala hispana) deu en ser coñecida como “monólogo”, denominación que, por tan exitosa no uso, está a provocar unha usurpación terminolóxica tal, que agora para se referir inequivocamente a ese formato teatral clásico no que a peza é representada por un só actor, iso que facía o mítico Juan Diego en La lengua madre, hai que procurar outros termos.

Pero non é a miña intención entrar a considerar a cuestión da canonización terminolóxica no mundo das artes escénicas. Este meu primeiro comentario só foi un preámbulo a modo de inútil protesta. O que realmente me interesa, ao fío do evento protagonizado por Juan Diego, e abrindo o punto de mira sen prexuízos nin intencións de categorización taxonómica, é chamar a atención para un fenómeno que se está a verificar duns anos para acá: o do bo acollimento que están a ter todo tipo de fórmulas escénicas nas que unha soa persoa se enfronta ao perigo da comunicación viva co público. Espectáculos unipersoais ou, tomando emprestada a expresión portuguesa (que por súa vez eles toman da música ou da danza), espectáculos “a solo”. Propostas variadas entre as que se producen fértiles zonas de intersección que resultan difíciles de delimitar e que atinxen a diversos suxeitos creativos: o bululú (que non deixa de ser un actor multiplicándose en moitos), o xogral, o conteiro (termo importado de Colombia e que me parece máis evocador que o tan usado conta-contos, esa tradución directa do inglés tan a cabalo entre a eufonía e a cacofonía), o cómico (na súa acepción de actuante de “stand up comedy”), o “performer” e, como non, o actor de toda a vida interpretando o que de toda a vida se coñeceu como monólogo.

Comentamos a cativante actuación de Juan Diego de hai unha semana, pero poderiamos esperar e comentarmos a Odisea de Rafael Álvarez “el Brujo”, que nos visitará nun par de días e que, de certo, tamén será un éxito. Ou, sen necesidade de que ninguén nos visite, poderiamos reparar no bo funcionamento das propostas “a solo” dun Carlos Blanco, tan difíciles de encadrar, de conteiros de raza como Quico Cadaval e Paula Carballeira, ou dun Cándido Pazó que, coas súas Memorias dun neno labrego ou co seu Demamerón, propón unha fórmula escénica unipersoal a medio camiño entre o monólogo teatral e a narración oral.

As fórmulas, claro está, non son novas. Ou polo menos non o son todas. Ou non o son de todo. Algunhas incluso poden remitirnos a tempos protoescénicos. A aqueles xograis que, sen máis ferramenta que a palabra, contarían a historia de Ulises, do Cid ou de Roldán e que, querendo enriquecer e amenizar a súa actuación oral, irían xuntando recursos e destrezas para mostrárense nas distintas personaxes que protagonizaban os seus realtos, dando nacemento así ao bululú. Outras, non sendo tan inaugurais, poden ser consideradas xa clásicas, víndonos á cabeza os textos para un só actor dun Chekhov, por pór un exemplo de todos coñecido, ou, máis cerca e máis recente, esa adaptación para monólogo teatral que, interpretada por Lola Herrera a partir dunha novela de Delibes, marcou época en España, as Cinco horas con Mario. E nunha fusión entre o xograresco e o teatral encontrámonos cun Darío Fo e o seu Misterio Cómico e traballos similares. Ou, cruzándose o actor convencional co cómico de “stand up”, cun Pepe Rubianes. E, cun pé no teatro e outro na “performance” escénica, unha Denise Stoklos ou unha Angélica Lidell. E, cómo non, os simples e eternos contadores de historias que, profesionais ou non, estiveron e estarán sempre aí, porque contar historias é unha consecuencia lóxica de algo tan humano como falar.

As fórmulas non son novas, pero sempre foron, se non marxinais, desde logo non centrais dentro do sistema escénico. Mais dun tempo a esta parte están a situarse nunha centralidade, deixando de ser peculiares excepcións para, ao par doutras manifestacións que sempre ocuparon ese lugar, constituírense en referentes regulares da oferta escénica.

Por qué ese éxito? Nunha primeira e rápida visión, e ubicándonos no punto ámbito da oferta (no ámbito da emisión, se queremos fuxir dun enfoque aparentemente estraño ao campo da comunicación creativa), poderiamos apuntar que a crise fai que cada vez máis creadores escénicos queiran cultivar formatos que, por razóns obvias, son percibidos como de menor risco empresarial e maior rendibilidade económica. Sendo isto certo, non é a única explicación, e desde logo non a máis interesante en termos de reflexión teórica. Esta habería que a procurar no ámbito da demanda, no ámbito da recepción. Vivimos nuns tempos nos que o dominio do virtual é cada vez máis patente. Este dominio, e ás veces esta saturación, ao contrario do que puidese parecer (e ao contrario do que adoito se ten prognosticado) está a facer que as persoas, como contraste ou como descanso,  sintan cada vez máis a necesidade de espazos de comunicación física, de encontro comunitario ao vivo. As artes escénicas defínense precisamente por iso, por se basearen nun encontro comunitario e comunicativo ao vivo. E dentro das artes escénicas é nas fórmulas unipersoais onde o público percibe con máis intensidade a viveza dese acto comunicativo. Porque, se ben todo emisor escénico ten como destinatario o público, cando este emisor (actor, cómico, conteiro ou o xogral) está só en escena, non ten máis interlocutor que o espectador e este experimenta o pracer de se sentir íntima e directamente interpelado, a sensación viva de que o que está enriba do palco, mesmo se falase só, está a falar con el. Unha sensación que, dunha maneira particularmente intensa, experimentaron os espectadores que o día 30 asistiron á representación de La lengua Madre da man do gran Juan Diego.

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s